Friday 26 de April de 2024

A rapazada malpicá poderá gozar dunha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’ dende o 24 de setembro ata o 15 de outubro


• O departamento de Cultura organiza, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e dentro do seu programa Ler Conta Moito, unha serie de citas con contacontos e grupos teatrais nas instalacións da biblioteca Eduardo Blanco Amor.

• O aforo estará controlado e será necesaria inscribirse previamente enviando un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es onde se indique nome completo, DNI e un teléfono de contacto.

O Concello de Malpica, a través do departamento de Cultura, organiza este outono unha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’, un ciclo de citas con contacontos e compañías de teatro destinado á rapazada do municipio. Nestas actividades colabora a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o seu programa Ler Conta Moito.

Todos os venres ás 18:00 horas dende o 24 de setembro e ata o 15 de outubro (ambos incluídos), a biblioteca Eduardo Blanco Amor acollerá unha serie de actuacións coas que educar aos máis pequenos da casa dentro dos valores da cultura e da narración oral.

O 24 de setembro dará comezo o programa con ‘O arquivo do Chibo’, do grupo Os Contos de Pablísimo, unha fabulación arredor do conto clásico cun público obxectivo entre os 4 e os 9 anos.

A seguinte actuación, o 1 de outubro, será ‘A caixa sen Pandora’, de Teatro de Ghazafelhos, unha historia accesible para nenas e nenos a partir de 4 anos na que se achega á rapazada a loita das mulleres pola igualdade.

O 8 de outubro está programada a actuación ‘Aldara na montaña’, de Soraya Lema, adecuada para público de entre 3 e 11 anos. Aldara, a protagonista desta historia, narra de xeito musical as súas andanzas polos montes dos Penedos de Pasarela e Traba.

Finalmente, o 15 de outubro rematan as ‘Tardes na biblioteca’ deste outono con ‘Entre bechos anda o conto’ da compañía Galeatro. Esta sesión de narración oral está destinada para rapazas e rapaces a partir de 5 anos.

Lembramos que esta programación seguirá todas as normativas sanitarias vixentes co obxectivo de reducir ao máximo posible os contaxios por covid-19. O aforo estará controlado e será necesaria inscribirse previamente enviando un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es onde se indique nome completo, DNI e un teléfono de contacto.